sábado, junio 26, 2010

ENTREVISTA AL NARRADOR ORAL "CÁNDIDO PAZÓ"

Cándido Pazó (Vigo, 1960) vén de ser escollido para ocupar a presidencia da primeira asociación de narradores orais, que levará por nome Variosventos. Aos seus cincuenta anos, o 'choio' acumúlaselle e, ''como un ten que estar a varias historias para poder tirar para adiante economicamente'', viuse na obriga de renunciar a un dos seus proxectos, o que preparaba con motivo do 125 aniversario da morte de Rosalía.

Tomada a decisión, o vigués centrará os seus esforzos en traer ao presente a Balbino, o neno labrego de Neira Vilas, coincidindo con outra efeméride: a dos 50 anos da súa publicación, combinado co traballo no colectivo recén nado e coa representación de 'Historias tricolores', a obra sobre República e memoria histórica. Pese a non ficar quieto, non ten problema en recoñecer que el si que vive do conto.

Pregunta: Estou a falar co presidente da primeira asociación de narradores orais... por que tardaron tanto en agruparse?

Resposta: Pois si que era algo do que se viña falando desde hai moito tempo, pero dalgunha maneira somos individualistas e cadaquén ía tirando polo seu lado. Finalmente fixémolo, porque sempre hai intereses comúns, cousas polas que traballar e que reivindicar, e para iso hai que ser interlocutores válidos. Sendo unha asociación as voces sempre son máis potentes. E si, seguramente había que facelo antes pero... non se fixo.

P: E logo os contistas non viven do conto?

R: Siii! (ri) Si que vivimos do conto. Houbo alguén que dixo o outro día que non, porque quería dicir que non viviamos de andar por aí a troulear, sen traballar. Pero como o noso traballar é co conto pódense dicir as dúas cousas: non vivimos do conto tal e como se entende a expresión, pero si que o facemos porque a nosa vida baséase en contar cousas.

ENTREVISTA COMPLETA: GALICIAE

No hay comentarios: